Friday 10 de May de 2024

Unha trintena de boqueixoneses recolleron onte as súas trampas para vespas velutinas


O alcalde de Boqueixón agradeceu a implicación da veciñanza “na loita contra esta especie invasora”

Unha trintena de veciños e veciñas acudiron onte á Casa do Concello de Boqueixón para recolleren as trampas para vespas velutinas. A sesión foi presidida polo alcalde, Manuel Fernández Munín, quen agradeceu a implicación da veciñanza “na loita contra esta especie invasora, xa que é un problema de todos”.

Na súa intervención, o rexedor lembrou a importancia de colaborar na campaña Axúdanos a loitar contra a velutina e de colocar as trampas “á maior brevidade posible, xa que esta é a época na que as raíñas saen do seu letargo para empezaren a construír os niños. Cada raíña que se colla é un niño menos que se creará”.

As persoas asistentes á entrega de trampas recibiron unha breve charla informativa, que foi impartida por persoas do Concello. En primeiro lugar, falouse sobre a exponencial extensión da vespa velutina na comunidade galega en xeral, e en Boqueixón en particular. De feito, só nos dous últimos anos, o número de niños retirados pasou de 69 a 198. Por iso, resulta fundamental desenvolver campañas de prevención para evitar que esta especie se estenda cada vez máis. Na sesión tamén se explicaron as diferenzas entre a vespa velutina e a vespa crabro –a propia daquí e que non supón un perigo para as abellas-.

Finalmente amosouse aos asistentes como montar as trampas e certas recomendación sobre onde se deben colocar. Neste senso, o persoal do Concello indicou que o máis axeitado é que “estean nun lugar á sombra, porque o líquido atraente evapórase máis rápido se está ó sol, e a unha altura que sexa cómoda para poder recollelas”.

Cada asistente recibiu un pack gratuíto coa trampa para vespa velutina –con forma de mazá, cunha capacidade de 2,4 litros, ecolóxicas e reutilizables- e mais a dose exacta de líquido atraente que se lle debe botar –de 300 mililitros-. Ademais, os veciños e veciñas participantes neste encontro cumprimentaron un formulario básico que lle servirá ao persoal do Concello de Boqueixón para realizar o posterior seguemento das trampas.

Dende o Concello lembran que aínda se poden solicitar as trampas para vespas velutinas de xeito gratuito. Para iso, deberase remitir un e-mail concello@boqueixon.com ou chamar ao teléfono 981 513 061.